O castelo da Rocha Forte pode observarse a carón da vía do ferrocarril que une Santiago de Compostela coa provincia de Pontevedra. E garda entre as súas paredes, destruídas durante a revolta irmandiña do século XV, unha parte importante da historia da cidade compostelá. Acolleu a residencia arcebispal, e serviu tamén como punto de vixilancia militar. E na historia máis recente foi refuxio de fuxidos durante a ditadura franquista e acubillo para botíns roubados, como o sustraído nunha xoiería compostelá a comezos do século XX. Sufriu tamén a destrución por mor da que foi a primeira liña de tren en Galicia, entre Cornes e Carril, e no medio del chantouse unha torre de alta tensión nos anos 60. Despois de todo isto, Rocha Forte permanece hoxe como un relevante enclave arqueolóxico, e acaba de ser obxecto de novas investigacións que revelaron novos detalles.
Os traballos, impulsados polo Concello de Santiago, permitiron sacar á luz parte dun complexo sistema defensivo que protexería o acceso principal da fortaleza, e localizáronse dous tramos de muralla, un deles cunha torre circular encostada; e dous fosos.
Imaxe da nova prospección. Foto: Concello de Santiago.
Segundo expuxo co Concello, os novos achados son froito de máis dunha década de investigación coa que é posible observar gran parte do sector principal, cunha planta cuadrangular, agás o extremo alterado pola vía do tren, con dúas murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada na súa posición central. A procura dunha terceira muralla, que xa aparecía citada en antigos documentos, empezou a finais de 2019 mediante unha prospección xeofísica co sistema de tomografía de resistividade eléctrica. Estes traballos, realizados polo xeólogo Óscar Pazos e a arqueóloga Mª José Bóveda, deron como resultado distintas anomalías que foron interpretados como parte do sistema defensivo exterior ao castelo. Con esta información procedeuse á realización da actual campaña de sondaxes valorativos que dirixiu o arqueólogo Mario César da empresa Tempos arqueólogos. Os resultados desta intervención, aínda en fase preliminar, están a confirmar a existencia dunha muralla con torre circular encostada e fosos a ambos lados, así como outras estruturas (muros, canles, etc.).
O castelo, levantado cara a mediados do século XIII, era unha das residencias do arcebispo de Santiago ademais de posto de control militar e fiscal polo sur da cidade. Ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas entre a burguesía e a nobreza laica contra o poderío arzobispal, a fortificación sufriu varios asedios. Finalmente o castelo sería destruído no ano 1467, en tempos do arcebispo Alonso II de Fonseca, a consecuencia da revolta irmandiña.
Os traballos, promovidos polo Concello de Santiago a través da Oficina de Rehabilitación da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, forman parte do programa EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), cofinanciado nun 80% con fondos europeos FEDER (Fodos Europeos de Desenvolvemento Rexional).
https://www.gciencia.com/historias-gc/tramos-muralla-rocha-forte-santiago/
https://www.elcorreogallego.es/santiago/aparecen-nuevos-muros-y-dos-fosos-en-el-castillo-de-a-rocha-YB5113562
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2020/10/27/salen-luz-dos-nuevos-tramos-dos-fosos-castelo-da-rocha/00031603820168028785424.htm