Coa fin de conmemorar os 75 anos dende os inicios das intervencións arqueolóxicas no Castro de Elviña (A Coruña), dende Tempos Arqueólogos e RVR Arquitectos, realizamos a exposición 75 anos de escavacións en Elviña: do castro á cidade, promovida polo Concello de Coruña.
A inauguración da mostra tivo lugar do 16 de agosto na Praza do Obelisco, onde permaneceu ata o 11 de setembro. Durante este tempo, a veciñanza e visitantes puideron desfrutar e coñecer o pasado e presente dun xacemento singular e da súa contorna inmediata a través de contidos relacionados co ámbito socio-económico e cultural das sociedades que ao longo da Idade do Ferro e da Época Romana habitaron e transitaron o actual termo da Coruña.
A exposición estruturouse a través de 5 soportes que albergan un total de 15 paneis onde se percorre a historia do castro e dos seus habitantes, os modos de vida, a cultura material achada, a evolución do castro en relación coa cidade da Coruña e a historia das investigacións do xacemento. Os contidos amosados permiten coñecer o xacemento de xeito didáctico, trasladando aos visitantes do castro á cidade a través da Historia e a Arqueoloxía.
A mostra ten un carácter itinerante e de ampla proxección ao futuro. Así pois, a partir do mes de setembro foi trasladada ao Museo Arqueolóxico de San Antón, onde se pode visitar actualmente. Prevese o seu traslado a outros espazos con capacidade de atraer un público diverso (centros educativos, centros socioculturais, etc.).